Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Feira do Libro de Redondela saca a cultura á Alameda da vila e une escritores, lectores e libreiros

A Feira do Libro de Redondela saca a cultura á Alameda da vila e une escritores, lectores e libreiros

Sete librerías saíron á rúa en Redondela para celebrar a Feira do Libro

G24.gal 14/06/2025 22:09

Sete librerías saíron á rúa en Redondela para celebrar a Feira do Libro. Este sábado, no terceiro día do evento, asinaron os seus libros sete autores. Nós estivemos con dous deles, Alba López, creadora da saga La leyenda de Noa e Beto Luaces, o escritor de novela negra e autor de Vicus.

Sete librerías, tres delas da propia Redondela, saen á Alameda e ensinan unha selección de libros á xente da rúa, a pouca cousa, ben escollida, que cabe nun posto ambulante de venda.  

"Ao final é traer os libros á rúa, para achegalos á xente e tamén crear un espazo para que se poidan atopar tres piares fundamentais da lectura: as escritoras, as libreiras, e por suposto as lectoras, que sen elas isto non tería ningún sentido", conta a TVG Agua Menacho, da Secretaría da Feira.

Coma todas as feiras de libros, sexan grandes ou pequenas, os libreiros propician o encontro entre os lectores e os autores e acollen a sinatura dos exemplares

"A min encántame ler. E leo moitísimos libros. E gústame saber quen escribe estes libros. Aínda que lendo coñezas un pouco o escritor, coñecelo en persoa a min gústame. Gústame moito vir ás feiras do libro e botar unha ollada, e sempre cae algunha sinatura de algún autor que estea vendendo", explica Ester Gago, unha lectora que asiste á Feira do Libro de Redondela.

"Ti plasmas a túa idea sobre o papel, e despois o lector cólleo, pero cólleo a distancia. É moi fermoso cando chegas ás feiras e atópaste co lector e é o lector o que che dá ese feedback da túa novela, ese punto de vista do que el entendeu, o que calou nel. E é superbonito", matiza a escritora Alba López.  

"Somos ao fin e ao cabo a canle de comunicación entre o escritor e o lector final. A nós o que nos gusta é ofrecer, vender fume, vender ilusión e que a xente poida atopar unha historia que teña paixón", di o libreiro Dositeo Pérez.

"Os que escribimos normalmente estamos moi agradecidos aos libreiros. Porque eles son os que, á parte de vender os libros, son os que recomendan e son os que favorecen a nosa interacción cos lectores, ao fin e ao cabo", conclúe o escritor Beto Luaces. 

A feira do libro de Redondela, onde estes florecen, ofrece un 10% de desconto en todos os postos e durará ata o domingo ao serán

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar