Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha muller de 83 anos vive atemorizada polas velutinas despois de que a atacaran

Unha muller de 83 anos vive atemorizada polas velutinas despois de que a atacaran

Levantou un avespeiro cando limpaba as ortigas da leira e recibiu picadas múltiples nos brazos e ombros

Aínda convalecente e a tratamento polo ataque, descubriu outro niño de velutinas na casa

 

Este é o niño de velutinas que descubriu a veciña da Laracha no alpendre
G24.gal 25/08/2023 14:14

"Foi unha experiencia terrible, nunca tal vivín, era unha dor mortal". Así conta Maruja Bértoa o seu encontrón coas velutinas na súa casa de Montemaior, na Laracha. A muller, de 83 anos, estaba limpando as ortigas dun valo cando levantou o avespeiro.

"Foron contra min tolas, escapei correndo, aínda que non podo correr", lembra Maruja. Logrou fuxir, pero xa con múltiples picadas polo corpo. "Picáronme nos brazos e nos ombros -relata- e grazas que non me foron aos ollos nin á cara". 

Foi pedirlle auxilio á veciña, que a trasladou ao centro de saúde da Laracha para recibir atención médica. Aínda está a tratamento para baixar a inflamación. Pero a convalecencia non está sendo tranquila para Maruja: de volta na casa descubriu outro niño de velutinas no alpendre. 

Di que o niño medra día a día, que as avespas entran e saen e que son "moi grandes". Por iso xa non entra no alpendre e vive con terror a que volvan picala.

Os veciños solicitaron que viñesen retiralo urxentemente, ao entender que se trata dunha emerxencia. 

"É moi urxente porque a señora está operada do corazón, ten 83 anos e mobilidade reducida", explica María Jesús Pérez, veciña de Maruja. "Se volven picala pode morrer, quen se responsabiliza despois?", pregúntase. 

O ano pasado xa viñeran sacar un niño do alpendre, e conta as horas Maruja para que volvan repetir a operación e poder recuperarse en paz do susto e das feridas que lle deixaron as velutinas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar