O detido polo acoitelamento mortal da Coruña pasará a segunda noite nos calabozos policiais
A Policía Xudicial continúa coa instrución do atestado
As forzas de seguridade conseguiron prendelo no barrio da Sagrada Familia pouco despois de que escapara do parque de Santa Margarida tras a agresión mortal
A brigada da Policía Xudicial que instrúe o atestado continúa recollendo declaracións de testemuñas e tratando de esclarecer cuestións fundamentais da investigación, como o móbil do crime e o paradoiro da arma. O presunto autor das navalladas permanece no cuartel de Lonzas e pasará a súa segunda noite nos calabozos policiais, á espera de ser posto a disposición do xuíz.
As forzas de seguridade conseguiron prendelo no barrio da Sagrada Familia pouco despois de que escapara do parque de Santa Margarida tras a agresión mortal. A zona das mesas cubertas situada preto dunha das entradas mantívose acordoada. Algúns testemuños sitúan o inicio da lea preto dos aseos. A vítima recibiu varias navalladas, unha delas mortal. O equipo médico que se desprazou ao parque, pasadas as oito da tarde do sábado, atopouno sen vida.
O detido é unha das persoas que adoitan durmir aquí. Usuarios e traballadores de Santa Margarida denuncian a inseguridade crecente que provocan as liortas e o consumo de alcol e drogas no que debería ser un refuxio de calma no medio da cidade.