Veciños da Cacharela, en Teis, piden ampliar a vía de acceso ás súas vivendas
Os vehículos de emerxencias non dan pasado polos puntos máis estreitos
"Cando morreu miña nai, a ambulancia quedou encaixada no túnel", di unha veciña
Moi xusto entra un vehículo de tamaño medio pola única vía de entrada ao lugar de Cacharela, en Teis.
"Chegas a esta curva con esa esquina que sae aí e tes que manobrar nun espazo superrreducido, precisas indicacións para pasar".
"Este camiño quedou con curvas e puntos obsoletos co tamaño actual que teñen os coches, moito máis grandes, e as ambulancias medicalizadas non pasan".
Iso é o que máis lles preocupa aos veciños deste lugar vigués. O acceso ás súas casas, sen asfaltar nin sinalizar, ten varios puntos críticos polos que non poden pasar os vehículos de emerxencias de maior tamaño.
"Cando ardeu o monte de arriba o coche dos bombeiros non deu pasado, tivo que vir unha furgoneta máis pequena e os veciños con mangueiras para que o lume non lles entrara na casa".
Os propios veciños ensancharon o camiño e puxeron unha varanda para evitar que envorcaran os coches neste outro punto crítico do camiño. Abaixo podemos ver a outra entrada do barrio, un túnel sen suficiente altura como para que pase unha ambulancia.
"Cando morreu miña nai a ambulancia quedou enganchada no túnel, tivo que vir un guindastre sacala".
"Neste punto os coches quedan coa roda fóra porque é moi estreito e se meten para non rascar co muro das casas".
Piden que o Concello tome medidas para facilitar o acceso dos servizos ao barrio. Salvar o obstáculo desta esquina sería, din, a solución máis rápida. Pero iso implica ampliar a vía sobre terreo privado.
"Ten que facelo o Concello, nós non podemos expropiar nin convencer a ninguén contra a súa vontade".
"É difícil porque fagan o que fagan alguén vai ter que ceder terreo".
"Nós pagamos os impostos como os demais, só pedimos unha solución para poder ter uns servizos mínimos no barrio".
Explican que o tapón nos accesos a Cacharela fai tamén que os camións de mudanza ou paquetería teñan que completar o camiño a pé para chegaren ás casas. Un atraso, din, que lastra o progreso deste lugar que fai fronteira entre Vigo e Redondela.