Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha liorta en plena rúa en Vilagarcía remata cun home acoitelado e outro cunha malleira

Unha liorta en plena rúa en Vilagarcía remata cun home acoitelado e outro cunha malleira

O que recibiu a coitelada logrou repoñerse e deulle puñadas e patadas ao agresor, que tivo que ser trasladado ao hospital

O acoitelado fuxiu do lugar antes da chegada da policía

Non houbo detencións porque ningún dos dous presentou denuncia, xa que son vellos coñecidos e teñen antecedentes policiais

G24.gal 27/04/2026 14:20

Unha discusión entre dous coñecidos en plena rúa en Vilagarcía rematou cun dos implicados acoitelado e o outro no hospital con feridas na cabeza. A policía interveu, pero non se efectuaron detencións.

A liorta comezou pouco despois das sete da tarde deste domingo. Un dos implicados vive nun edificio próximo e o outro estaba na cafetería de en fronte. Ambos os dous son coñecidos e, nun momento dado, iniciaron unha discusión.

As testemuñas que presenciaron a pelexa relataron con detalle que un dos implicados baixou da casa cunha arma branca, que podía ser unha navalla ou un coitelo pequeno. O outro home estaba nese intre na terraza da cafetería, no outro lado da rúa, acompañado de familiares e amigos. A discusión subiu de ton e foi inevitable que chegaran ás mans. Enleáronse na beirarrúa en fronte do bar.

Un deles sacou o coitelo ou navalla e picou no tórax e no abdome o outro. Son visibles aínda restos de sangue nas baldosas. Pero as feridas recibidas pola coitelada non o arredaron e respondeu sen pensalo cunha serie de puñadas e patadas ao seu agresor. Mesmo recibiron golpes tamén as persoas que acudiron a separalos.

No bar, os clientes metéronse dentro e baixaron a persiana. A través das ventás seguiron o curso dos acontecementos.

Axiña acudiron efectivos da policías Local e da Nacional, alertados polos presentes. O autor da coitelada tivo que ser trasladado ao hospital con mazaduras e feridas diversas, as máis graves na cabeza. Pola súa banda, o acoitelado fuxiu do lugar antes da chegada dos axentes. Os dous implicados teñen antecedentes policiais. Ningún deles presentou denuncia, así que a policía arquiva as dilixencias ata que a xustiza tome cartas no asunto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade