Unha liorta cuns vinte implicados mobiliza un amplo dispositivo policial en Santiago
O suceso ocorreu de madrugada na parte nova da cidade, nunha zona con locais de ocio nocturno
Desde a Asociación dos Hostaleiros de Santiago insisten en que a capital galega é unha cidade segura con incidentes de orde pública, como en calquera outra urbe
Un amplo dispositivo policial en Santiago respondía á chamada dun particular que advertía o servizo de emerxencias dunha liorta con polo menos 20 persoas implicadas. Sucedía na madrugada do domingo, na Rúa Nova de Abaixo, na parte nova da cidade.
Ao lugar desprazáronse máis de media ducia de patrullas da Policía Nacional e da Local e unha ambulancia medicalizada.
"Nin sequera presentaron denuncia as persoas implicadas, tampouco consta que viñeran dun local, probablemente fora unha pelexa que xurdiu na rúa, na praza Roxa. Non parece que empezara en ningún local", di Ramón García, presidente da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela.
Os hostaleiros insisten en que a capital galega é unha cidade segura tamén pola noite. Din que os episodios coma o desta fin de semana son puntuais.
"Pelexas hoxe pode habelas case en calquera lugar e en calquera momento. O que hai que destacar é que a noite en Santiago non é perigosa, non é algo habitual. A xente pode saír e circular polas rúas, mesmo pola zona vella, que son estreitas e pouca luz e non hai ningún perigo", di Ramón García.
Cando os axentes chegaron, identificaron algunhas persoas e tomaron declaración ás testemuñas, pero non houbo detencións. Todo rematou sen detidos nin feridos de gravidade.