A análise de augas residuais permitirá medir o consumo de drogas en cinco localidades galegas
O plan iniciarase coa toma de mostras nas depuradoras de Tui, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago e detectará a presenza de "cánnabis, cocaína, fentanilo e outras substancias"
O Consello da Xunta aprobou este luns a posta en marcha dun proxecto para detectar o consumo de drogas a través da análise das augas residuais.
Segundo explicou o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, trátase dunha iniciativa "pioneira" e que se levará a cabo nas depuradoras de Tui, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago.
Vaise detectar a presenza de "cánnabis, cocaína, fentanilo e outras substancias", asegurou Calvo, quen dixo que "é unha ferramenta que permite achegar información sobre amplas poboacións de xeito obxectivo, anónimo e rápido".
"Non só ofrecerá datos en tempo real, senón que permitirá detectar a entrada de novas drogas emerxentes", manifestou o conselleiro.
No proxecto de investigación participarán a Xunta, Augas de Galicia e a Universidade de Santiago, e segundo dixo Calvo, "non buscamos substituír outros sistemas de vixilancia epidemiolóxica, senón que buscamos reforzar o labor de prevención con novos indicadores, para reorientar e planificar mellor os programas de prevención e de saúde pública".
"Igual que fixemos durante a pandemia e utilizamos a información das augas para detectar anticipadamente a presenza da covid, agora aplicámolo neste caso", concluíu o conselleiro.
Análise do uso potencial de masas de auga subterráneas
Amais disto, o Consello da Xunta tamén decidiu poñer en marcha un proxecto piloto para estudar o potencial das 19 masas de augas subterráneas existentes na demarcación Galicia-Costa como alternativa ao abastecemento en situacións críticas de seca prolongada.
As primeiras medidas aplicaranse este ano pero o programa, que terá un orzamento de 1,5 millóns de euros, desenvolverase ata 2028, cando está previsto concluír un mapa do potencial hídrico subterráneo de Galicia-Costa.
Calvo especificou que non se trata de que estas masas de auga sexan unha "alternativa real e definitiva" á subministración de auga, senón de ver se poden servir para "aliviar en situacións puntuais" de seca prolongada, para o que se analizará a súa calidade e as posibilidades de subtracción.