Unha canastra de Abalde a 2 décimas do final condena o Obradoiro
O Obradoiro non puido certificar a permanencia matemática a pesar de realizar un grande encontro contra o Real Madrid e terá que seguir buscando sumar nas vindeiras semanas para logralo.
Nun partido de máxima igualdade, os detalles decidiron o partido do lado branco. O xogador galego Alberto Abalde a falta de dúas décimas para o final do partido e co resultado a favor do Obradoiro palmeou un tiro de Llull que petara no aro para colocar o definitivo 88-89 no marcador.
O primeiro cuarto foi de dominio santiagués que, nun grande inicio, conseguiu vantaxes de ata seis puntos. O Real Madrid, con Poirier dominando o xogo interior, recuperou e acabou por diante grazas a unha tripla de Abalde (21-23). O segundo cuarto volveu estar na mesma liña de intensidade e acerto por parte dos dous equipos. As alternativas foron constantes co Obradoiro sempre metido no partido. Ao descanso o resultado era de 44-46.
No terceiro cuarto os de Moncho Fernández volveron coller o dominio, marcharon durante varios treitos de ata cinco puntos pero nunca conseguiron rachar o partido. O último cuarto comezou cun 63-62 e toda a emoción.
Parecía que o Real Madrid tiña o partido no peto cando a 3:50 para o final Llull anotaba unha tripla e Poirier facía un mate poñendo un +7 (77-84). Tres triplas do Obradoiro seguidas dábanlle a volta ao encontro cun 86-84 a 1:50 ... E a falta de 5 segundos Birutis machacaba o aro branco para poñer o 88-87. O Real Madrid volveu a tirar de experiencia e Abalde anotou a canastra decisiva.