Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Liga Endesa volve á TVG co partido dun equipo galego cada xornada e todos os derbis

A Liga Endesa volve á TVG co partido dun equipo galego cada xornada e todos os derbis

Televisión de Galicia e ACB selan un acordo para as dúas vindeiras temporadas

Os domingos, ás doce do mediodía, a TVG e a Agalega.gal emitirán un partido da Liga Endesa con presenza galega 

A G2 retransmitirá ao Río Breogán na Basketball Champions League

TVG e a Federación Española de Baloncesto teñen moi avanzadas as negociacións para transmitir os partidos do Baxi Ferrol, do Maquinaria Durán o Celta Femxa Zorka e tamén as competicións europeas

​​

 

G24.gal 02/09/2026 12:12 Última actualización 02/09/2026 13:01

O baloncesto masculino de elite volve á súa casa, á TVG, cunha oferta histórica de cobertura dos equipos galegos na Liga Endesa e competicións europeas.

TVG e Agalega.gal ofrecerán cada domingo ás doce do mediodía un partido da Liga Endesa coa presenza dun equipo galego. A participación do Río Breogán, o Monbus Obradoiro e o Leyma Coruña constitúe un fito para o deporte galego e a TVG acompañará este camiño con toda a súa forza mediática tras o acordo asinado coa ACB para as dúas próximas tempadas.

Os espectadores poderán ver pola primeira canle da TVG e pola plataforma Agalega.gal (dispoñible en Galicia mediante xeolocalización) os seis derbis e un total de 40 encontros da competición regular. As emisións continuarán tamén no caso de que algún dos tres equipos galegos acceda aos cuartos de final polo título.

As primeiras grandes citas comezan xa en setembro:

Domingo 27 de setembro. desde o Pazo dos Deportes de Lugo: Río Breogán-ASISA Joventut

Domingo 4 de outubro, desde o Coliseum: Leyma Coruña-Surne Bilbao.

Domingo 11 de outubro, desde o multiusos Fontes do Sar de Santiago: Monbus Obradoiro-Ilerna Lleida

E os primeiros derbis:

►Domingo 1 de novembro, no Sar: primeiro derbi galego da tempada, entre o Mombús Obradoiro e o Río Breogán

►Domingo 20 de decembro: Monbus Obradoiro-Leyma Coruña

►Mércores 30 de decembro, ás 18:00 horas, desde o Pazo de Lugo: Río Breogán-Leyma Coruña, o derbi coa que a TVG despide o 2026.

Arredor desta aposta, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) crea todo un ecosistema para o baloncesto galego que vai máis alá da retransmisión dos partidos, para acompañar os equipos e a afección durante toda a tempada. Ademais da Liga Endesa, a Corporación ofrecerá:

Os partidos europeos do Río Breogán na G2

Máis baloncesto na Radio Galega. Os oíntes terán a opción de escoitar os partidos dos seus equipos de xeito íntegro na plataforma AgalegaAaudio.gal, ademais das conexións e narracións que se farán durante a emisión de 'Galicia en goles' na FM.

Un podcast semanal en AGalegaAudio.gal e na FM, coa análise de cada xornada da man de especialistas, e un seguimento diario dos equipos galegos nas diferentes edicións do 'En xogo'.

Contidos específicos en G24, AGalega.gal e redes sociais

Copa Galicia

Para ir quentando motores, a G2 e Agalega.gal programan para este domingo, ás 19:00 horas, a final da Copa Galicia de baloncesto. Neste clásico da pretemporada compiten os tres clubs da Liga Endesa xunto ao representante galego da Primeira FEB, o Club Ourense Baloncesto.

Este ano, a competición cumpre 40 anos e vaino celebrar cos enfrontamentos de semifinais Leyma Coruña-COB e Monbus Obradoiro-Río Breogán, no multiusos Fontes do Sar. Os gañadores do sábado pelexarán polo título na tarde do domingo, coa presenza das cámaras da TVG e os micrófonos da Radio Galega.

Baloncesto feminino

A Televisión de Galicia e a Federación Española de Baloncesto teñen tamén moi avanzadas todas as negociacións para poder repetir este esquema na Liga Endesa Femina e poder así retransmitir partidos do Baxi Ferrol, do Maquinaria Durán o Celta Femxa Zorka e tamén as competicións europeas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade