Unha borrasca deixa precipitacións intensas e temporal de vento no mar
Activouse un aviso laranxa por vento do suroeste no litoral da Coruña e da Mariña
Día complicado no meteorolóxico en practicamente toda Galicia. Hai activos varios avisos, un deles laranxa por vento do suroeste no mar, que sopra con forza oito na costa da Coruña e na Mariña luguesa. O vento tamén se está deixando sentir en terra, con avisos amarelos en diferentes zonas do país.
Agardábanse refachos de máis de oitenta quilómetros por hora nas montañas de Ourense e de Lugo e no litoral de Pontevedra, pero o vento sopra con forza en moitas outras zonas de Galicia. A outra protagonista da xornada está sendo a chuvia.
No suroeste e no oeste da Coruña as acumulacións de auga poden superar os 40 litros por metro cadrado en 12 horas. A semana comezará con avisos por temporal marítimo de vento e mar combinado, con ondas de ata cinco metros de altura.