Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha beirarrúa traga un home en Vigo

Unha beirarrúa traga un home en Vigo

O home paseaba coa bici na man pola Gran Vía de Vigo cando a terra se abriu ao pasar

Os veciños quéixanse dos constantes parches na zona

G24.gal 24/04/2023 13:15

Eran as doce e media da mañá cando o chan se abriu na Gran Vía de Vigo ao paso dun home coa súa bicicleta. O susto foi maiúsculo, porque só lle asomaba a cabeza, e o corpo quedoulle totalmente metido na fochanca.

Na beirarrúa apréciase perfectamente o enorme oco que quedou neste tramo, que xa foi reparado nos últimos meses. Un home que presenciou o suceso salienta que foi todo moi rápido, e sen estrondos: "Vin un señor coa bici, eu miraba para alá e de repente cando miro para outro lado xa caera e só se vía a cabeza; chegou un bus, pararon e baixou a xente para axudalo a saír de alí".

O home foi atendido polos servizos de urxencias e non sufriu danos importantes. Segundo unha testemuña, o home tivo a sorte de quedar enriba da tubaxe e agardaban que unha cousa así puidese pasar en calquera momento porque isto xa se notaba que estaba fundido hai polo menos un mes.

Acostumados

Os veciños xa están afeitos aos parches nas beirarrúas da zona. "Isto está roto por abaixo, non sei os motivos, pero este anaco de aquí, xa hai dous meses que o arranxaron e agora está iso a continuación, pero Vigo é así", conta un veciño.

"Hai moita fuga de auga, está máis que comprobado, porque de cando en vez hai fochancas de auga, que sae auga para arriba, e rexistros de auga que se nota que está todo mollado, iso é que sae de abaixo", quéixase outro. 

Dende primeira hora do luns, operarios do Servizo de Augas estaban examinando a fochanca, que tiña uns tres metros de profundidade. Ao longo da mañá procederon a botar terra para pechar o buraco que inutilizaba a beirarrúa e obrigaba a pechar un dos carrís ao tráfico da Gran Vía de Vigo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade