Rescatan unha persoa arrastrada por un golpe de mar na Coruña
Outras dúas persoas quedaron feridas ao caeren nas rochas pola forza da auga
No momento do suceso había aviso amarelo por temporal no mar con ondas entre catro e cinco metros
Os servizos de emerxencia rescataron con vida un home que fora arrastrado polo mar na contorna da Torre de Hércules, preto da corna de Punta Herminia.
Un particular alertou ao mediodía de que había unha persoa que non conseguía saír da auga a causa dun golpe de mar que o levara. O 112 mobilizou dúas embarcacións de Salvamento e o helicóptero Helimer e finalmente a persoa que caera foi recollida consciente por unha embarcación de rescate da Cruz Vermella.
Outras dúas persoas máis quedaron feridas na beiramar polo impacto das ondas e precisaron asistencia sanitaria ao caeren sobre as rochas.
No dispositivo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Nacional e Local e os Bombeiros da Coruña.