Unha avaría eléctrica obriga a suspender máis de 300 consultas nun centro de saúde de Santiago
A incidencia tamén obrigou a cortar o tráfico no túnel do Hórreo dirección Santiago
O servizo eléctrico no Concepción Arenal restableceuse pasadas as once e media da mañá
Os pacientes que tiñan cita esta mañá no Concepción Arenal, o centro de saúde de referencia para o 60 % dos habitantes de Compostela, atopáronse cunha desagradable sorpresa.
Varios pacientes relatan que cando chegaron o centro estaba pechado e que lles dixeron que non había luz e que non os podían atender. Moitos quéixanse de que non os avisasen antes porque tiveron que pedir o día no traballo; tamén din que este centro de saúde debería contar cun xerador de emerxencia para casos coma este.
A principal hipótese apunta a unha subida de tensión durante a madrugada que queimou os transformadores de medida do centro de saúde. A avaría deixou sen luz o ambulatorio e a varios edificios dos arredores. Dende o Sergas cifran en máis de trescentos os pacientes afectados.
José Suárez Alén, xefe de servizo do centro de saúde Concepción Arenal, asegura que durante a avaría realizáronse curas e atendéronse urxencias pero non foi posible atender as consultas que estaban programadas por non poder acceder aos historiais médicos. Tamén se limitaron ao mínimo as extraccións de sangue; só se realizaron as dos pacientes oncolóxicos e as que tiñan cita de especializada.
A avaría eléctrica tamén afectou o túnel do Horreo en dirección Santiago. Por seguridade, a Policía Local cortou o acceso ao mesmo entre as sete e as nove e media da mañá e desviou a circulación pola rúa do Hórreo, o que provocou importantes retencións.
Pasadas as once e media da mañá os técnicos conseguiron restablecer o servizo eléctrico e o centro de saúde puido retomar as consultas.
O Sergas asegura que se porá en contacto cos afectados para reprogramar as citas.