Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha analítica de sangue permite diagnosticar o alzhéimer a través de determinados marcadores

Unha analítica de sangue permite diagnosticar o alzhéimer a través de determinados marcadores

O estudo realizouno o hospital Clínic de Barcelona

Na investigación participaron unhas 350 persoas da Unidade de Alzhéimer e doutros trastornos cognitivos

Un 60 % dos pacientes podería evitar realizar probas máis invasivas ou máis caras para a diagnose

G24.gal 17/12/2022 20:52 Última actualización 17/12/2022 21:16

Unha analítica de sangue permite diagnosticar o alzhéimer. Así o confirmou o hospital Clínic de Barcelona a través dun estudo realizado entre os seus pacientes en fases iniciais da enfermidade.

Na investigación participaron unhas 350 persoas atendidas na unidade de alzhéimer e doutros trastornos cognitivos do hospital Clínic. Segundo os investigadores, os resultados obtidos demostran que cunha analítica de sangue, a través de determinados marcadores, pódese diagnosticar esta enfermidade. 

"O que valoramos neste estudo é a validez diagnóstica nunha práctica clínica habitual a través de marcadores en sangue. Estas probas poderían estar dispoñibles para un número moito maior de pacientes para conseguir un diagnóstico precoz nestas enfermidades cognitivas moito máis amplo do que estamos a realizar actualmente", di Raquel Sánchez del Valle, xefa do servizo de Neuroloxía do hospital Clínic de Barcelona.

Cunha analítica de sangue poderíase, por tanto, facer unha diagnose en fases inciais e un 60 por cento dos pacientes podería evitar realizar probas máis invasivas ou máis caras.

"Cando son as fases máis iniciais os xuízos clínicos teñen os seus erros, polo que necesitamos probas complementarias, que funcionan moi ben, pero ou son invasivas porque hai que realizar unha punción lumbar ou ben teñen un custo alto porque hai que facer unha proba de tomografía por emisión de positróns", destaca a doutora Raquel Sánchez del Valle.

A revista Neurology publicou os resultados do traballo. Necesítase agora que as autoridades europeas aproben o uso destes marcadores en sangue para aplicar na práctica clínica habitual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos