Yayo Daporta aviva os recordos a través da cociña para visibilizar o alzhéimer
O chef cunha estrela Michelín participa dende hai anos en iniciativas para achegarse a esta doenza e xerar conciencia
Receitas para o recordo, de 2019, foi a primeira publicación na que o cociñeiro cambadés Yayo Daporta se achegou ao alzhéimer. Súa nai fora diagnosticada con só 65 anos e a colaboración era desde o amor, desde o coñecemento e desde a dor.
As receitas de doentes de alzhéimer preserváronse no libro solidario para que non as levara o esquecemento. E Yayo, como parte da iniciativa cociñou o prato e deullo a probar á autora da receita.
"A reacción fora moi chula porque ao probar o prato si que lembraba a receita, e o que significaba a receita, e o día que a facían, e o motivo", conta á TVG.
A segunda vez que este chef cunha estrela Michelín se implicou co alzhéimer foi no ano 2024. O libro Os sentidos da memoria volveu visibilizar a enfermidade. Os cociñeiros do grupo Nove cazolearían con mulleres que estaban diagnosticadas.
Ao chef Daporta tocoulle con Nemesia e fixeron unha tortilla de patacas. A esas alturas xa perdera a súa nai e sabía que cociñar e logo comer en compañía axuda ao doente e axuda ao coidador.
"Traballar coa persoa para que a enfermidade progrese o máis amodo posible. Compartir moita actividade cotiá con ela, cociñar, xogar, cantar... sempre axuda a que nós a sintamos máis cerca e a que esta enfermidade non avance tan rápido. Esta enfermidade hai que compartila coa familia. Sempre se fai máis levadía. Ao fin é unha enfermidade que afecta tanto á contorna do paciente coma ao paciente en si. É importante que nos concienciemos, que se investigue e que se avance", engade o cociñeiro Yayo Daporta.
E como di Yayo Daporta, cociñar xuntos para gozar o momento e comer xuntos para degustar sabores e recordos.