Un incendio calcina a cociña dunha vivenda rural da Estrada
Non houbo feridos, pero si importantes danos materiais
O foco localizouse nunha estufa de leña na zona da lareira
Sucedeu na medianoite do sábado ao domingo. Uns particulares deron a voz de alarma ao ver o fume que saía desta vivenda de uso turístico do lugar de Celeiróns, na parroquia de Berres. Crían ademais que a dona quedara atrapada dentro.
"En principio dicían que había unha persoa dentro e desprazaron tamén a ambulancia de urxencias médicas do Concello. Cando chegaron ao punto comprobaron que non había ninguén", explica Manuel Martínez, xefe da dotación do Servizo de Emerxencias da Estrada.
Cunha visibilidade case nula por culpa da fumareda, os equipos de emerxencias lograron entrar na cociña. Alí atoparon o foco do lume e procederon á súa extinción.
"Estaba nunha lareira, nunha zona de cociña na que tiñan almacenada bastante leña, sobre todo leña de carballo, que ao arder xera moitísima temperatura", engade o bombeiro.
Temperatura que fixo que se deprendera o falso teito, causando importantes perdas materiais, xusto agora que comeza a temporada turística nesta vivenda vacacional. Así e todo, houbo sorte, porque o lume non afectou ao resto da vivenda nin á dona, que estaba noutra parte da casa cando comezou o incendio.