Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tremor de 7,5 graos Richter sacode o extremo austral de Chile e emiten alerta de tsunami

Un tremor de 7,5 graos Richter sacode o extremo austral de Chile e emiten alerta de tsunami

O Servizo Nacional de Prevención e Resposta ante Desastres (Senapred) solicitou evacuar o litoral costeiro da Rexión de Magallanes

O tremor obrigou tamén a evacuar zonas da rexión arxentina de Terra de Fogo

Persoas evacuando a liña costeira en Chile. Punta Arenas. REUTERS/Rodrigo Maturana Persoas evacuando a liña costeira en Chile. Punta Arenas. REUTERS/Rodrigo Maturana
G24.gal 02/05/2025 16:04 Última actualización 02/05/2025 18:43

Un tremor de 7,5 graos Richter sacudiu a mañá deste venres o extremo austral de Chile na rexión de Magallanes, o que deu paso a unha alerta de tsunami para todo o litoral costeiro incluíndo Punta Areas, Porto Williams e o territorio antártico chileno.

Segundo información preliminar publicada polo Centro Sismolóxico Nacional (CSN), o sismo rexistrouse ás 08:58 horas (12:58 GMT) e o seu epicentro situouse a 218,1 quilómetros ao sur de Porto Williams, a unha profundidade de 10 quilómetros.

Polo movemento telúrico, o Servizo Hidrográfico e Oceanográfico da Armada de Chile (SHOA) estableceu alerta de tsunami.

O Servizo Nacional de Prevención e Resposta ante Desastres (Senapred) solicitou evacuar o litoral costeiro da Rexión de Magallanes e establecer estado de precaución a zona de praia no Territorio Antártico Chileno.

“Chamamos a evacuar o bordo costeiro en toda a Rexión de Magallanes. Nestes momentos, o noso deber é previr e facer caso ás autoridades”, publicou o mandatario chileno, Gabriel Boric, oriúndo de Punta Areas.

Na súa mensaxe, Boric informou de que o Comité para a Xestión do Risco de Desastres (Cogrid) rexional como o nacional “están a comezar” os seus labores de coordinación, e que “todos os recursos do Estado están a disposición” para atender a emerxencia.

Ata o de agora non se reportaron danos materiais nin persoas afectadas ou feridas, e as autoridades mantéñense atentas ao risco de variacións anómalas no nivel do mar nas zonas costeiras mentres a poboación segue evacuando con tranquilidade. 

 

Evacuacións tamén no sur da Arxentina

O terremoto afectou con forza o sur de Arxentina, onde as autoridades ordenaron evacuar de forma preventiva a zona costeira da provincia de Terra do Fogo ante unha alerta de tsunami.

A Secretaría de Protección Civil de Terra do Fogo publicou un comunicado con medidas preventivas, entre as que se inclúe a paralización de toda actividade acuática e de navegación no canal Beagle.

As autoridades tamén pediron ás persoas residentes en Puerto Almanza —unha localidade costeira situada a uns 75 quilómetros ao leste de Ushuaia— que abandonasen a zona por prevención e se trasladasen cara a áreas elevadas e seguras.

“Ante este tipo de episodios é importante manter a calma”, sinalou o goberno provincial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade