Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan da necesidade de protexerse porque o nivel de radiación UV está en risco alto en Galicia

Alertan da necesidade de protexerse porque o nivel de radiación UV está en risco alto en Galicia

Estamos en valores de nove nunha escala en que o máximo é de once

Hai que ter en conta que a radiación ultravioleta afecta tamén os días nubrados

Desde a Consellería de Medio Ambiente lembran que Meteogalicia ofrece regularmente os índices por concellos 

A conselleira incidiu en facer un chamamento a actuar con responsabilidade
G24.gal 19/06/2025 15:35 Última actualización 19/06/2025 18:45

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, recordou a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol e invita a cidadanía a desfrutar das praias e realizar actividades ao aire libre dunha forma segura e responsable.

Durante unha visita á praia de Aguete, en Marín, en que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola alcaldesa da localidade, María Ramallo, a conselleira puxo en valor o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta.

Nese senso, explicou que Galicia é unha das comunidades que lidera a monitorización desta radiación grazas aos cinco medidores dos que dispón MeteoGalicia, en Ribadeo, Ferrol, Marín, Baiona e Cervantes, cuxos datos están á disposición da cidadanía a través da páxina web do organismo.

A maiores, esta información compleméntase cos modelos de previsión que indican a situación das praias en canto a medicións ultravioletas, hora a hora, para as diferentes localidades tanto para o propio día como para os dous días seguintes.

Isto permite monitorizar de xeito completo a radiación ultravioleta ofrecendo á cidadanía información de utilidade para coñecer a evolución do índice ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde. Polo tanto, tal e como incidiu a conselleira, “permite previr danos á hora de tomar o sol ou de realizar actividades ao aire libre”.

Logo de lembrar que MeteoGalicia está adherida desde o primeiro momento ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Ánxeles Vázquez engadiu que, no marco da mellora e actualización do sistema, púxose en marcha hai tres anos unha nova funcionalidade ante episodios de calor na que se teñen en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calculan os valores que se poden considerar elevados para cada concello.

Así, se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso amarelo, laranxa ou vermello. No caso de que estes episodios de calor duren polo menos dous días e afecten a un número considerable de concellos, decretarase, parte da Consellería de Sanidade, na zona correspondente un episodio de calor de nivel 1, 2 ou 3 en función da cor do aviso. Nesta liña, Ánxeles Vázquez puxo en valor “a coordinación entre consellerías para que a información chegue á cidadanía”.

Para concluír, a conselleira incidiu en facer un chamamento a actuar con responsabilidade porque, aínda que non faga demasiada calor, a radiación pode ser igualmente alta e, polo tanto, prexudicial para a saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade