Galicia despide a primavera con temperaturas de verán
En moitas localidades superáronse esta noite os 25 graos
Galicia está sufrindo estes días temperaturas máis propias do verán, a dous días de que entre a nova estación. Os termómetros están deixando marcas de récord tanto polo día coma pola noite. A masa de aire africano que lle afectou esta semana á Península deixou terrazas e paseos ateigados de xente para gozar das temperaturas cálidas á última hora do día.
As localidades afortunadas con praia xa presentan aspecto de agosto, cheas de bañistas que queren escapar da calor, que superou en moitos puntos os trinta graos. E os que non teñen costa tiran para os ríos e as piscinas. Alí se refuxian os sufridos veciños de Ourense, que están soportando temperaturas extremas e próximas aos 40 graos.
Pero a calor non baixa nin de noite. Esta madrugada, no concello lugués de Samos achegáronse aos 27 graos. Tamén en Monforte superaron os 25. Unhas temperaturas considerablemente máis baixas na provincia da Coruña. En Santa Comba ou Zas roldaban os 13 graos ás seis da mañá.
Hoxe, a brétema axudará a refrescar algo, pero no interior, sobre todo no Miño de Ourense e en Valdeorras, volverán superarse os 35 graos. E hai avisos activos por treboadas en zonas altas de Lugo e Ourense.