Atentos aos síntomas dun golpe de calor
Os golpes de calor son o efecto máis preocupante das temperaturas extremas
É importante detectar os síntomas para tomar medidas a tempo, como buscar un sitio fresco e aplicar panos húmidos
Tamén hai risco de deshidratación, fatiga, cambras musculares ou insolacións
Se notamos unha suba brusca da temperatura corporal, a pel quente e vermella, dor de cabeza e mesmo náuseas, podemos estar sufrindo un golpe de calor, que pode incluso causar a morte, de aí a importancia de estarmos atentos aos síntomas para tomar medidas.
"Buscar un lugar frío, primeiro, arrefriarnos con auga tibia, por todo o corpo, sobre todo axilas, inguas, cabeza... E avisar se nos atopamos moi mal, con mareo e sensación de caer", di Luis González, médico de Atención Primaria.
Tamén debemos prestar atención ao denominado esgotamento por calor. Maniféstase por unha suor abundante, pel fría e pálida, pulso rápido e débil e cansazo. Tamén sofren os músculos, cambras por calor e espasmos que adoitan ocorrer ao facer un exercicio intenso, ben sexa por deporte ou por traballo. "Se conseguimos controlalo e termorregular a temperatura corporal, non ten maiores consecuencias que as inmediatas de malestar xeral ou sensación distérmica", aclara o doutor González.
Beber auga con frecuencia e escapar do sol nas horas centrais do día son as recomendacións xenéricas.
"Poñer lentes, gorra, beber abundante líquido, protección solar cada dúas horas...", enumera Ana Sáez Ribao, enfermeira especialista en familiar e comunitaria.
Como medida preventiva, desde o centro de saúde ourensán da Ponte están a facer unha campaña informativa en zonas sensibles como as piscinas públicas e as áreas termais.