Carnota rexistrou 30 graos nunha madrugada en que moitas zonas de Galicia superaron os 20 graos
Para este mércores MeteoGalicia mantén activo un aviso laranxa no Miño de Ourense por altas temperaturas, xa que se poderán alcanzar os 40 graos
Ademais están activos avisos amarelos en Ourense, o sur de Lugo, Valdeorras e Miño de Pontevedra
A estación de MeteoGalicia instalada na parroquia de Lira, no municipio coruñés de Carnota, rexistrou ás 02:10 horas unha temperatura de 30,5 graos, a máis alta da comunidade nunha madrugada en que moitas zonas da costa galega e do interior de Ourense superaron os 20 graos.
"Esta noite foi terrible, ardiamos como nas chamas do inferno".
"Nós andabamos por aquí e marcaba 31 e medio", comentaban os veciños de Lira en Carnota.
Ademais, puntos da provincia de Pontevedra superaron os 27 graos. En concreto, na zona do Campus de Vigo chegouse aos 27,9 graos ás 02:40 horas; en Fornelo de Montes, 27,6; en Lousame, 27,2, e en Oia, 27,1.
Ao longo da madrugada as temperaturas foron baixando ata quedar á primeira hora da mañá ao redor dos 20 graos na maioría de Galicia, excepto en zonas da costa lucense e coruñesa, así como en áreas de interior en Lugo e Ourense, onde se rexistran temperaturas de 14 e 15 graos.
Para este mércores MeteoGalicia mantén activo un aviso laranxa no Miño de Ourense por altas temperaturas, xa que se poderán alcanzar os 40 graos. Ademais, están activos avisos amarelos en Ourense, o sur de Lugo, Valdeorras e Miño de Pontevedra.