Galicia vive outra xornada de altas temperaturas tras rozar na véspera os 39 graos en varios puntos de Ourense
Galicia vive outra xornada de altas temperaturas tras rozar na véspera os 39 graos en varios puntos de Ourense
No que vai de xornada, os valores rexistrados en moitas das estacións xa son elevados e xa superaron os 25 graos a pasada madrugada

Os termómetros rozaron os 39 graos nas últimas horas na provincia de Ourense, con valores como os 38,7 graos rexistrados en Leiro ou os 37,8 graos da capital das Burgas, e a previsión é que as temperaturas se manteñan este martes en niveis elevados, de feito, mantense activo o aviso amarelo por calor.
Así, segundo os datos de valores extremos rexistrados e publicados por MeteoGalicia, municipios da conca ourensá do Miño levaron o 'premio' ás temperaturas máis altas nas últimas horas. En Leiro alcanzáronse os 38,7 graos ás 19:30 horas deste luns; en Ourense chegouse a 37,8 graos ás 18:40 horas, e na Arnoia alcanzaron os 37,6 graos ás 18:30 horas. Tamén municipios da contorna do Miño na provincia de Pontevedra rexistraron valores elevados, como Salceda de Caselas, onde os termómetros alcanzaron os 36,8 graos pola tarde.
As temperaturas tamén foron elevadas nos rexistros das estacións situadas a máis de 900 metros de altura, rozando os 30 graos. Así, en Vilariño de Conso (Ourense) rexistrouse unha máxima de 30,1 graos, e noutros municipios ourensáns, como Muíños ou A Mezquita, as temperaturas estiveron tamén moi preto deses valores.
En canto á previsión para este martes, non haberá demasiados cambios, e espérase de novo unha xornada de altas temperaturas, con máximas que poderían chegar aos 39 graos en Ourense, aos 36 graos en Pontevedra ou aos 35 graos na cidade de Santiago.
No que vai de xornada, os valores rexistrados en moitas das estacións xa son elevados e xa superaron os 25 graos a pasada madrugada. Así, rexistráronse 27,8 graos na estación de Lira-Carnota (A Coruña) ás 3:40 horas da madrugada; rexistráronse 27,2 graos na estación de Corrubedo-Ribeira (A Coruña) ás 4:20 horas; ou valores arredor dos 26-27 graos en estacións das Neves, Poio e o campus de Vigo (na provincia de Pontevedra).
Meteogalicia ten activado o aviso laranxa na conca do Miño, e hai aviso amarelo na provincia de Ourense, no interior da provincia da Coruña e nas Rias Baixas.