Concentracións na Coruña de repulsa polo último asasinato machista no barrio da Sagrada Familia
O detido, de 61 anos, matouna, presuntamente, a coiteladas e con asañamento, segundo revelou a autopsia
Entidades veciñais amosaban así o seu apoio a familiares e amigos da vítima
Minuto de silencio de condena ao crime de Maritza. Entidades veciñais amosaban así o seu apoio a familiares e amigos da vítima.
"Aínda segue a haber moito medo e coa situación económica da muller, o medo é aínda maior", di o presidente da Asociación de Veciños do Castrillón e da Plataforma Picus que agrupa diversas entidades veciñais.
"É absolutamente insoportable. Estamos novamente ante unha situación de violencia estrutural que nos mata ás mulleres polo simple feito de selo", aseguraba María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña.
O detido, de 61 anos, matouna, presuntamente, a coiteladas e con asañamento, segundo revelou a autopsia. Ocorreu na madrugada do domingo. O suposto agresor avisou do crime a nai dos seus fillos e foi esta a que alertou o 112.
"A persoa que fixo a chamada é unha exparella del que lle acababa de comunicar que acababa de matar a súa parella actual", segundo explicou a subdelegada do Goberno na Coruña.
Maritza tiña 49 anos e era nai de cinco fillos. Estaba no programa VioGén dende setembro por unha agresión do mesmo home. Ela non denunciou, pero o protocolo foi activado de oficio.
O home foi condenado hai un mes. Segundo os datos facilitados pola Subdelegación do Goberno na Coruña "hai unha orde de afastamento ditada nunha sentenza o pasado 27 de maio e, como se nos traslada desde o xulgado, está en fase de execución por parte do xulgado".
Está previsto que o detido pase a disposición xudicial.