Unha farmacéutica de Lourenzá detecta unha presunta agresión machista a unha clienta
A muller entrou pedindo unha cura para as feridas que tiña no pescozo
A farmacéutica convenceuna para acompañala o centro de saúde, e activouse o protocolo de intervención
Era media mañá cando unha muller entrou na farmacia de Lourenzá buscando algo para curar unha lesión no pescozo. "Só quería algo para curar unha ferida -explica a farmacéutica- pero cando vin a situación, dinme conta de que era de violencia". Preguntoulle se estaba ben, e a muller "empezou a chorar, e dixo que sufría violencia", lembra Elena Piña.
Di que a muller choraba do medo que tiña. Elena tivo que convencela para acompañala ao médico. "Leveina ao centro de saúde e mobilizaron todos os medios do protocolo. Unha vez que ves que a Garda Civil responde, que asuntos sociais responde, o centro de saúde tamén, pois quedas tranquila", di.
Lembra que nas farmacias fórmanse para detectar estes casos. Son puntos violeta, onde poden acudir as mulleres para buscar axuda contra a violencia machista. "Poden vir en calquera momento, non se vai saber a identidade, iniciamos o protocolo e encargámonos de falar con servizos sociais e todo o necesario para poder poñelas en sitio seguro", explica Elena.
Tamén poden pedir axuda por teléfono ou en liña no servizo de atención 016. É gratuíto, accesible e non deixa rastro na factura.