Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vehículos implicados en crimes e delitos, baixo custodia no depósito municipal de Santiago

Vehículos implicados en crimes e delitos, baixo custodia no depósito municipal de Santiago

Os xulgados envíanos ao depósito para que os custodien ata que se resolvan os casos

G24.gal 11/12/2025 14:28

Polo depósito municipal de vehículos de Santiago pasan cousa de dous mil vehículos cada ano. Case todos chegan no guindastre por estaren mal aparcados, e marchan nun ou dous días. Pero os que teñen máis historia detrás son outros inquilinos, de longa estancia e pasado escuro.

"Temos vehículos que chegan pola comisión dun delito, por condución temeraria, comisados por tráfico de drogas ou polo delito que sexa, e acaban aquí", conta José Ramón Mosquera, xerente de Tussa, a empresa municipal responsable do depósito. "Temos casos mesmo de cando o vehículo foi un medio para un homicidio, son probas dese delito", engade.

Cando o vehículo é a propia arma do crime. No depósito compostelán está o coche que matou un home en Conxo en outubro de 2023, nun suposto atropelo intencionado. Ou o que interveu nunha lea multitudinaria en Ribeira en xullo. Custódianse no depósito como proba do delito, unha vez que os investigadores remataron o seu traballo.  

"Quedan precintados e, xeralmente, durante os primeiros meses acode a Policía Nacional ou a Local para continuar coas súas investigacións -di Mosquera-. Despois o vehículo queda aquí ata que o xulgado entenda que xa está liberado desa investigación".

Así que explica que o normal é que pasen anos -mesmo décadas- custodiados no depósito. "Pode haber coches de 2004, de 2005, que aínda están en procesos xudiciais vivos e que non podemos enaxenalos" explica Mosquera. E sinala que tamén hai "algunha moto de gran cilindrada, comisada nalgunha investigación".

O xulgado dirá se hai que devolvelos ao propietario, se van a poxa pública, ou se eses vehículos, como os que se abandonan, acabarán no ciclo de reciclaxe como residuos sólidos urbanos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade