O 'renting' acelera en España e suma os particulares e as marcas tradicionais
Máis dun millón de vehículos circulan no país mediante esta fórmula
De momento, a maioría dos clientes son empresas e autónomos
Comprar un coche ou pagar só por usalo? Que compensa máis? A fórmula do alugamento de vehículos mediante renting avanza en España. O ano pasado o número de automóbiles matriculados por este sistema medrou un sete por cento e por vez primeira xa hai máis dun millón en circulación. O renting triunfa, sobre todo, como unha solución para empresas e autónomos, que representan o 86 % do total de usuarios.
Por unha banda, evitan ter que facer un desembolso importante nun instrumento de traballo e aforran as revisións, cambios de pezas e reparacións. Ao tempo, poden desgravar parte dos gastos.
"O investimento que ten que facer unha empresa cada vez que ten que incorporar un vehículo é tan grande e a facilidade que lle damos nós é pagar unha cota mensual onde van todos os gastos incluídos", explica Jacobo Llauger, o delegado en Vigo de Northgate, unha das maiores empresas do sector en España.
Pero tamén as marcas tradicionais se están a pasar ao renting. E o sistema vai gañado mercado entre os clientes particulares, que supoñen agora o 14 % do conxunto. Nalgúns concesionarios, a metade dos coches que saen á rúa xa o fan con renting ou con algunha fórmula de alugamento, tamén as que ofrecen unha opción de compra.
"O sentido da propiedade do coche ten menos importancia porque sabemos que o vehículo é un produto que se deprecia", asegura o xefe de vendas de Stellantis & You en Vigo, Marcos Feijóo.
Así, un coche de gama media que nun concesionario se vende aproximadamente por 22.000 euros pode alugarse en renting por uns 320 ou 340 euros ao mes.
"Cada catro anos podo entrar nun círculo onde o estou cambiando. É verdade que estou sempre pagando pero tamén teño sempre un coche novo", argumenta o xefe de vendas de Stellantis & You.
"A idea de pagar unha cota fixa todos os meses é moi atractiva para evitar sustos ou gastos inesperados", engade o delegado de Northgate na cidade.
O renting acelera especialmente no mercado eléctrico. Compensa ir cambiando de coche porque as baterías se desgastan e, por tanto, teñen menos autonomía. Precisamente por iso, este tipo de vehículos son máis difíciles de revender e, en cambio a tecnoloxía está avanzando rápido e cada vez se fabrican modelos con mellor rendemento.