Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia vivirá unha onda de calor ata o mércores, con temperaturas próximas a 40 graos

Galicia vivirá unha onda de calor ata o mércores, con temperaturas próximas a 40 graos

A zona do Miño en Ourense está este luns en aviso amarelo por calor e o litoral da Coruña por temporal costeiro

Desde a Xunta recomendan ás persoas evitar saír á rúa durante as horas de maior risco por altas temperaturas, pasar o tempo na sombra, refrescarse e mollarse o corpo varias veces ao día, así como beber abundante auga

G24.gal 16/06/2025 09:49 Última actualización 16/06/2025 13:10

Unha masa de aire quente procedente do norte de África está a provocar unha intensa onda de calor en Galicia, con temperaturas próximas aos 40 graos no Miño de Ourense e Pontevedra, onde se activou a alerta amarela durante a tarde deste luns.

O ascenso térmico elevará o termómetro das principais cidades galegas, sendo a máis afectada Ourense, que segundo MeteoGalicia alcanzará os 37 graos de temperatura máxima.

As máximas tamén serán elevadas en Pontevedra, con 34 graos, e en Santiago de Compostela e Vigo, posto que ambas as cidades alcanzarán os 31 graos.

Lugo chegará aos 28 graos, mentres que A Coruña e Ferrol serán as cidades nas que a calor afectará dunha forma menos intensa, con máximas de 26 graos.

Hai que destacar, con todo, que aínda que as temperaturas máximas serán moi elevadas, as mínimas manteranse relativamente baixas, polo que haberá unha gran diferenza térmica.

De feito, a mínima en Ourense será a máis baixa, con 12 graos, e no resto de cidades varía entre os 13 e os 18 graos.

Desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) activouse o aviso amarelo na zona do Miño en Ourense e Potevedra, mentres que tamén se activou a alerta amarela o litoral da Coruña por temporal costeiro.

A intensa calor non desaparecerá, polo menos, ata o mércores. Este luns, a xornada caracterizarase por ceo maioritariamente despexado, coa única excepción da Mariña de Lugo onde persistirán algunhas nubes.

O martes a alerta amarela por calor estenderase ao centro e sur de Lugo, ao interior da Coruña, ao litoral de Pontevedra e ao noroeste e sur de Ourense, ademais da a zona de Valdeorras.

Ademais, nas zonas do Miño de Ourense e Pontevedra a alerta será xa laranxa, con temperaturas superiores aos 37 graos.

O martes dominarán o ceo despexado, con algunha nube de estancamento na Mariña lucense e nubes de evolución no sueste da comunidade.

En Ourense as máximas poderían alcanzar os 39 graos, en Pontevedra os 36 e en Santiago os 35; mentres que en Vigo e Lugo as máximas non superarán os 34 graos, e en Ferrol e A Coruña situaranse por baixo dos 30 graos.

Espérase que para o mércores as temperaturas comecen a descender lixeiramente, situándose por baixo dos 35 graos.

Desde a Xunta recomendan ás persoas evitar saír á rúa durante as horas de maior risco por altas temperaturas, pasar o tempo na sombra, refrescarse e mollarse o corpo varias veces ao día, así como beber abundante auga.

Ademais de Galicia, outras oito comunidades autónomas -Andalucía, Aragón, Illas Baleares, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura e Comunidade de Madrid, afrontan unha xornada marcada por avisos meteorolóxicos de altas temperaturas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade