O prezo da sardiña mantense entre os 6 e os 8 euros a pouco máis dunha semana para San Xoán
A Consellería do Mar autorizou as capturas de sardiña o domingo 22 de xuño, na véspera da noite de San Xoán
A frota do xeito sairá a pescar. A do cerco, segundo confirmou a Federación Galega de Confrarías, vaino decidir o próximo mércores.
"Hai sardiña bastante este ano, de momento hai bastante", explica Isabel Fernández, vendedora da praza de abastos de Santiago.
Na praza de abastos de Santiago, había sardiña abundante esta mañá. Sobre todo, sardiña do xeito procedente de Rianxo.
"Esta é a de Rianxo, o sábado é a fresquiña que hai. Pola semana hai a do "motor" -que lle chaman- de Portosín e de Cambados."
"A sardiña de Rianxo sempre está boa", di unha compradora.
Din que, polo momento, as sardiñas non son moi grandes, pero que xa van tendo sabor.
"Xa se poden comer moi ben, xa teñen graxa dabondo e están moi ben para a festa", di un vendedor.
"Están ricas xa, están saborosas, pero non son moi grandes", asegura outra vendedora.
"Si, non parecen moi grandes, pero estamos empezando a temporada. Levo dous quilos, é a primeira vez que as como este ano. Se non as hai despois, xa as probo agora".
A 9 días para a noite de San Xoán, os prezos non son polo momento moi elevados, entre os 6 e os oito euros.
¿A oito euros? Non, non é cara. Nestes tempos non é cara", di un comprador.
Nos postos de peixe da praza aseguran que xa teñen moitas encargas para a noite de san Xoán.
"Moita demanda de sardiña. Xa temos varias encargas, moitas encargas para o propio día", asegura un vendedor.
Aínda que a frota de baixura non sae os domingos, a Consellería do Mar autorizou a pesca na véspera da noite de San Xoán. A frota do xeito sairá a pescar. A do cerco, segundo confirmou a Federación Galega de Confrarías, vaino decidir o próximo mércores.