Publicador de contidos

Publicador de contidos

A muller rescatada do mar nunha praia de Portosín permanece en estado moi grave

A muller rescatada do mar nunha praia de Portosín permanece en estado moi grave

A muller, de 79 anos e veciña de Santiago, atopábase flotando boca abaixo a 20 metros da orela e foi rescatada por outro bañista

Trasladárona en helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago

G24.gal 18/06/2025 14:54

Foi moita a tensión vivida este martes na praia de Entrepuntas, en Portosín. Unha muller de 79 anos, veciña de Santiago, foi rescatada do mar, cara ao mediodía, por outro bañista que se atopaba paseando pola zona.

"Ía cunha persoa pola praia e díxome que había unha persoa que estaba boca abaixo no mar. Non lle demos importancia porque parecía que estaba facendo mergullo, pero aos tres minutos ou así, volveume dicir que a persoa seguía mergullada. E eu, que fago pesca submarina, dixen: "Esta persoa non pode aguantar máis ca min. Mirei e tireime ao mar", comenta Jaime Carreño, a persoa que rescatou a muller do mar.

Cando chegou xunto dela, a uns 20 metros da orela, comprobou que non respiraba e que tiña unha cor fóra do normal. Rapidamente, procedeu a darlle a volta e a sacala da auga. 

A continuación, optou por pedir axuda para realizar os labores de reanimación e pronto acudiron os servizos de emerxencia -entre os cales se atopaban os médicos do centro de saúde de Portosín, a Policía Local e a Protección Civil de Porto do Son e un helicóptero do 061-, que lograron estabilizala. 

Trasladárona en helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago, onde continúa en estado moi grave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade