Rescatan unha muller no sendeiro de baixada á cala das Pedregueiras, en Oleiros
Lesionouse o nocello e os servizos de emerxencias tiveron que portala na padiola uns 400 metros camiño arriba
A costa de Dexo é un treito duns once quilómetros, entre Mera e Lorbé, recoñecido como espazo protexido e monumento natural. Reserva de fauna e de flora, está salpicada de cantís e calas recónditas. Unha, a das Pedregueiras, era a que tentaba visitar unha muller cando se lesionou o nocello no camiño.
"É un camiño de pescadores, moi complicado, incluso hai treitos con cordas para axudarse", explica Gerardo Vázquez, coordinador de Emerxencias de Oleiros. Explica que foi a muller a que chamou por teléfono ao 112, e indicou onde estaba. Dixo que cría ter un nocello fracturado, e que non podía regresar polo seu pé. Avisou tamén de que era imposible acceder cos vehículos á zona.
"Tiña unha lesión no nocello, así que o primeiro foi inmobilizalo e estabilizala" di Vázquez. Despois, cargárona na padiola e portárona ao lombo camiño arriba, uns catrocentos metros. Con todo, foi sorte que a muller non conseguira o seu obxectivo de chegar á cala antes de lesionarse.
"Dende onde caeu ata a cala aínda hai uns cen metros de escaleiras, esa zona xa sería moito máis complicada -di Vázquez-, aí o rescate xa tería que ser por mar ou con helicóptero".
Así que pide prudencia: visitar paraísos coma este non está ao alcance de todos. "Está ben que vaian, pero que vaian equipados -explica-. Un calzado axeitado, unha condición física boa, e sentido común".
Este último contratempo non foi grave, pero deu o seu traballo. Estabilizar e transportar a vítima camiño arriba puido levar cousa dunha hora. A muller, veciña de Oleiros, foi trasladada ao hospital na Coruña.