Moito ollo coas queimaduras na noite de San Xoán
Mellor previr antes que lamentar
Na noite do San Xoán hai un aumento significativo de queimaduras provocadas por imprudencias e consumo excesivo de alcohol
"A un amigo a perna queimóuselle toda"
"Estaba unha fogueira moi, moi grande e había un sofá, queimaron un sofá coas teas e todo, non deu saltado e faleceu", comentan uns señores
Quen máis quen menos, todos coñecemos algún caso de feridas por imprudencias na noite do San Xoán. A maioría son por queimaduras.
"Bebes demasiado e despois non controlas, entón a xente vólvese tola", apunta outro
Durante esa noite os ingresos na Unidade de Queimados do CHUAC increméntase máis dun 10 %. A maioría son evitables, imprudencias que empezan xa no momento de facer as cacharelas botando plásticos, pneumáticos e aerosois. Tampouco se deben prender con líquidos inflamables.
"Préndese un lume moi virulento que é a causa máis importante ou máis frecuente de queimadura no momento de acendela", explica Alejandro F. Quinto, especialista en Cirurxía Plástica na Unidade de Queimados do CHUAC
A roupa que escollamos para esa noite tamén é importante.
"É recomendable utilizar zapato pechado, pantalón longo de tecidos naturais como algodón. Evitar os sintéticos, porque tenden a queimarse con máis facilidade", continúa o médico.
Saltar as cacharelas tamén supón perigo. Non debemos sobreestimar as nosas capacidades, e moito menos levar pequenos no colo. E no caso de accidente...
"Primeiro temos que evitar saír correndo, porque, se osixenamos o lume, este avívase, temos que intentar tirarnos ao chan, facer rolos no chan para intentar sufocar o lume. Nas zonas das feridas botar auga fría e acudir ao punto sanitario máis cerca evitando poñer cremas, ungüentos, pomadas", conclúe.
Unha queimadura, ademais do dano estético, tamén pode deixar secuelas funcionais que poden ser irrecuperables, por iso, divertirse si, pero con sentidiño.