As altas temperaturas derreten o alcatrán dunha estrada de Castroverde
A calor fai que o chapapote se pegue ao calzado e aos coches, faga ruído e cheire mal na pista de Pereiramá
Coas temperaturas máximas por riba dos 30 graos, derrétese a diario o alcatrán da estrada que atravesa a parroquia de Pereiramá, en Castroverde. Como resultado, o piche líquido pégase ás rodas dos vehículos, que acaban enzoufados, ao igual que o calzado dos residentes, que ademais teñen que aturar o ruído amplificado do tráfico e o mal cheiro que desprende o chapapote.
Segundo afirman os veciños, padecen este problema dende que en 2023 a pista se pavimentara de novo en pleno inverno, con frío e con chuvia. O ano pasado tratárase de corrixir, pero coa chegada da calor, a capa de asfalto derreteuse de novo.
Pola súa banda, dende a deputación provincial sinalan que a vía vai ser arranxada na maior brevidade.