Un coche queda atrapado nunha fochanca en Brión tras ceder o firme baixo unha das rodas
Sucedeu este mércores sobre as 7 da tarde na avenida de Santa Minia, preto da rotonda que enlaza coa autovía Santiago-Noia
A Policía Local, o GES de Brión e a Garda Civil colaboraron para retirar o vehículo e valar a zona
A causa podería ser unha fuga de auga baixo o asfalto, segundo os técnicos de mantemento

Este mércores arredor das 7 da tarde afundía o firme nunha estrada de Brión, deixando atrapado o coche dunha moza que circulaba pola avenida de Santa Minia. Este xoves os técnicos de mantemento traballan para arranxar a fochanca.
Ocorreu preto da rotonda que enlaza coa autovía Santiago-Noia, na avenida de Santa Minia. Un vehículo quedou atrapado nunha fochanca ao ceder o asfalto baixo unha das rodas.
Foi necesaria a asistencia da Policía Local, o GES de Brión e a Garda Civil para retirar o vehículo e valar a zona para evitar novos incidentes, quedando cortado á circulación un dos carrís da vía.
Arredor das 8 da mañá do xoves, presentáronse no lugar os técnicos de conservación de estradas da Xunta para arranxar a vía. Unha máquina escavadora colaborou nos labores de mantemento, facilitando a retirada do firme en mal estado.
Segundo os técnicos, a zona na que cedeu o asfalto está enriba dunhas tubaxes pertencentes á rede de sumidoiros. Os traballadores barallan a posibilidade de que unha fuga de auga lavase a terra situada baixo o firme, o que, unido ás altas temperaturas dos úlltimos días, abrandaría o firme, provocando o afundimento.
Mentres se realiza o reacondicionamento da estrada, un dos carrís permanecerá pechado ao tráfico.