Un motorista de 50 anos morre tras bater contra un turismo en Barreiros
O persoal sanitario de urxencia logrou estabilizalo no lugar do accidente pero faleceu durante o traslado ao hospital
.jpg)
Un motorista veciño de Lugo, de 50 anos, morreu este domingo logo de bater cun turismo no quilómetro 567 da estrada nacional 634 no municipio de Barreiros.
Segundo os primeiros datos facilitados polo 112, o home atopábase inconsciente tras o accidente, que se produciu á altura da parroquia de San Pedro de Benquerencia ao redor das 12:20 horas.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do parque comarcal de Barreiros, a Garda Civil de Tráfico, axentes de Protección Civil e o 061.
Nun primeiro momento, o persoal dunha ambulancia de soporte vital avanzado con sede en Foz lograron estabilizar o motorista para trasladalo a continuación ao hospital universitario de Lugo (HULA).
Con todo, o home, que se atopaba moi grave, faleceu durante o traslado na ambulancia medicalizada á altura do Fiouco.
Os sanitarios valoraran a asistencia dun helicóptero con base en Ourense para o seu traslado, posibilidade que se desestimou polo tempo que precisaba para chegar.