Morre o menor que se lanzara ao río Lérez en Pontevedra o 11 de agosto
O xogador do Marín Futsal, de 16 anos, non superou as lesións tras permanecer ingresado dez días

Un mozo de 16 anos faleceu este xoves en Pontevedra tras permanecer ingresado desde o 11 de agosto, cando se lanzara ao río Lérez en Monte Porreiro e tivera que ser rescatado polos servizos de emerxencia.
O club Marín Futsal, no que xogaba, confirmou a noticia cunha mensaxe de despedida nas redes sociais. Destacou que Marcos, ademais de xogador, era amigo e compañeiro, e que deixou unha fonda pegada no equipo. “O seu legado non se medirá polos goles nin polos trofeos, senón polo cariño que sementou”, escribiu a entidade, que agradeceu a súa luz e recordo.
O 112 informara o día do suceso de que dúas persoas se tiraran ao río desde unha ponte en Monte Porreiro. Unha delas non saíu á superficie e foi rescatada polos equipos de emerxencia, que lograron trasladala con vida ao hospital, onde permaneceu ata o falecemento.