A morte dunha nena en Murcia reactiva as alarmas sobre as seguridade das atraccións de feira
A Garda Civil investiga se estaban ben as conexións eléctricas e a toma de terra
As atraccións deben presentar unha documentación previa e pasar inspeccións
O accidente do Saltamontes de Vigo frea a instalación de xogos este verán
Un xulgado de Murcia investiga como posible homicidio imprudente a morte dunha nena de dous anos que faleceu electrocutada nunha atracción das festas de Alquerías, nos arredores da cidade.
A cativa sufriu unha descarga ao tocar unha peza metálica dun xogo de camas elásticas. Outros tres nenos quedaron atordados, aínda que ningún tivo que ser ingresado no hospital. A Garda Civil precintou a atracción e estivo examinando as conexións eléctricas, en especial, a toma de terra, un dos defectos que aparecen con frecuencia cando se revisan este tipo de instalacións.
"Podes ter problemas eléctricos ou podes ter problemas mecánicos", apunta José Antonio Lorenzo, conselleiro delegado da consultoría técnica Enmacosa, unha empresa especilizada, entre outros campos, na revisión de atraccións de feira. "Se te fixas nos accidentes que teñen acontecido, hai causas de todo tipo: inchables que non se ancoraron ben, descargas eléctricas, falta de elementos de seguridade ou que fallaron por mal mantemento".
Para seren consideradas seguras, as atraccións deben presentar unha documentación previa e logo pasar revisións. A experiencia dos últimos accidentes revela eivas nos dous aspectos: ás veces os documentos non son fiables; outras faltan controis.
"Non moitas atraccións cumpren con todo o rigor que esixe a normativa", alerta José Antonio Lorenzo, de Enmacosa. "Hai atraccións que están ben pero documentalmente fáltanlles cousas. E hai outras que necesitan unha volta de torca".
O accidente de Vigo do pasado agosto volveu acender as alarmas. Este verán, hai varias festas que, por se acaso, non terán atraccións.