Un foguete de SpaceX estoupa cando realizaba probas en terra
A explosión produciuse ás 11 hora local e puido verse en directo nas retransmisións en redes sociais
SpaceX traballa coas axencias de seguridade locais para asegurar a zona
A compañía afirma que todo o persoal está a salvo e di que non hai riscos para as comunidades próximas
The Rocket Future/REUTERS
Un foguete da compañía SpaceX, propiedade de Elon Musk, estoupou na noite do mércores cando realizaba probas de ignición en terra preparatorias para un próximo lanzamento.
A explosión produciuse ás 11 hora local e puido verse en directo, xa que as probas estaban a ser retransmitidas a través de diferentes redes sociais.
A compañía SpaceX informou a través da súa conta oficial na rede social X desta "grave anomalía" que sufriu a nave cando se atopaba nun banco de probas na StarBase, o porto espacial que a compañía ten para o desenvolvemento e a produción dos seus foguetes Starship, en Texas.
On Wednesday, June 18 at approximately 11 p.m. CT, the Starship preparing for the tenth flight test experienced a major anomaly while on a test stand at Starbase. A safety clear area around the site was maintained throughout the operation and all personnel are safe and accounted…
— SpaceX (@SpaceX) June 19, 2025
A empresa sinalou nas súas redes que se mantivo unha zona despexada de seguridade ao redor do lugar durante toda a operación e que todo o persoal se atopa a salvo. A empresa e as axencias de seguridade local traballan para asegurar a zona.
Afirmou ademais que non existen riscos para os residentes das comunidades contiguas e fixo un chamamento para que ninguén trate de achegarse á zona mentres continúan as operacións de seguridade.
O incidente da pasada madrugada súmase aos que sufriu o foguete Starship -co que a compañía do magnate pretende chegar a Marte- durante os últimos meses; o último deles o pasado 27 de maio, cando a nave, tras un lanzamento de proba, logrou alcanzar a órbita terrestre, pero rompeu a continuación e caeu ao océano tras perder combustible no que era o seu noveno voo de proba.