As discotecas incendiadas en Murcia incumprían as medidas de evacuación e sectorización
A perita xudicial Elena Bolarín declarou ante o xulgado e ratificou as súas conclusións
Tal e como apuntan os avogados das familias das vítimas, as medidas incumpridas facían imposible que se salvasen os falecidos
A perita Elena Bolarín logo de declarar no xulgado. EFE
As discotecas que se incendiaran en outubro de 2023 en Murcia presentaban un grave problema de sectorización que provocou que o lume se propagase dunha sala a outra e excedía as distancias máximas de evacuación polo que non se puido desaloxar o local a tempo e terminaron falecendo 13 persoas.
Isto foi o que recolle o informe pericial da perita arquitecta Elena Bolarín, que traballa por orde da xuíza. Bolarín declarou preto dunha hora ante os medios, respondendo ás súas preguntas, ás do ministerio fiscal e ás da propia xuíza.
A perita ratificou o contido do informe ante a xuíza, mais non quixo profundar nel ante os xornalistas e só sinalou que ratifica as súas conclusións.
Entre elas, o avogado representante das familias de varios dos falecidos, José Manuel Muñoz Ortín, destacou que dúas das discotecas incendiadas tiñan un grave problema de sectorización e funcionaban como un único local sendo dous negocios diferentes.
Isto provocaba que non houbese medidas de separación entre os dous locais, motivo polo que non se puido frear a propagación do lume, segundo apunta a investigación.
Para Ortín, se os locais estivesen ben compartimentados o lume non se tería propagado dun ao outro, ou non desa maneira tan rápida.
O informe tamén apunta graves deficiencias nos percorridos de evacuación dunha das discotecas, a sala Fonda Milagros, tal e coma lembrou a avogada Rosa Egea, que representa tamén a familiares das vítimas.
Os palcos máis apartados da saída, lugar onde faleceron as 13 persoas, atopábanse a máis de 55 metros da saída, cando a máxima permitida é de 25 metros. Todo isto, sinalou Egea, fixo que as vítimas non se puidesen salvar de ningunha maneira.
Outro avogado representante das familias das vítimas, Pedro López Graña, puxo o foco na imposibilidade que tiveron para preguntar pola responsabilidade neses incumprimentos. O informe pericial sinalaba que había importantes deficiencias técnicas, pero o relevante agora e saber quen ten a responsabilidade sobre estas, tanto as empresas coma a administración pública.
Hai que lembrar que dúas das discotecas só funcionaban cunha única licenza de actividade e tiñan unha orde de cesamento en vigor que nunca se executou.
O avogado criticou que a instrutora do Xulgado número 3 de Murcia que investiga o caso non permitise facer ningunha pregunta á perita sobre posibles responsabilidades municipais.
A xuíza xa descartou en dúas ocasións investigar a técnicos, funcionarios ou autoridades municipais, unha decisión que está recorrida polos avogados das vítimas na Audiencia Provincial de Murcia, que aínda non se pronunciou respecto diso.