Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un terzo dos pazos galegos están á venda

Un terzo dos pazos galegos están á venda

Dos arredor de novecentos pazos e casas grandes catalogados por Patrimonio en Galicia, uns 300 están á venda, a prezos que oscilan de 180.000 ata os 5 millóns de euros

Un mercado para grandes fortunas que se anima cando hai operacións tan mediáticas como a de Julio Iglesias no concello ourensán de Piñor

G24.gal 19/06/2025 14:25

Por un millón e medio de euros véndese o pazo de Lemos en Piñor; non o Piñor onde mercou Julio Iglesias, senón o de Barbadás, a poucos minutos da cidade de Ourense. É un dos arredor de 300 pazos e casas señoriais que están á venda en Galicia.

Benito Iglesias, asesor inmobiliario: "O abano de prezos é moi aberto porque depende da localización e do estado da propiedade. Pode oscilar desde os 180.000 euros, o máis económico, a cinco ou seis millóns de euros".

Esta casa nos Peares está á venda en algo menos de seiscentos mil euros, con piscina ao pé do río Miño e unha parcela dunha hectárea. A Ribeira Sacra e a costa galega son as zonas máis demandadas.

Ana López Delgado, inmobiliaria Galicia Paradise: "Incluso notamos algúns estranxeiros que mercaron casa no sur de España e que están escapando polas aglomeracións e o exceso de calor".

A de Julio Iglesias, unha mansión de recente construción situada fronte ao pazo familiar de Vilariño, non está nun destino turístico. Mercouna, dixo, para conectar coas súas raíces galegas, pero desde o sector inmobiliario confían en que anime o mercado na zona: "A zona de Piñor non era moi demandada, igual agora se pon de moda con Julio Iglesias", sinala Ana. "Seguramente cando nos veña visitar este verán, ao interior de Galicia, iso vai ter un pulo importante", engade Benito.

Moitas das propiedades precisan rehabilitación, o que multiplica tanto os prezos coma os prazos para dispoñer delas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade