Un roubo de cobre deixa usuarios sen Internet nunha aldea de Lugo
Os ladróns cortaron tamén o cable da fibra óptica cando seccionaron os fíos da toma de terra dun poste no lugar de Cima de Vila
O roubo duns cinco metros de fíos de cobre deixou usuarios sen Internet na aldea de Cima de Vila, na parroquia luguesa de Pedreda. Durante a operación, que se realizou a plena luz do día, os ladróns cortaron o cable da toma de terra dun poste, pero ao mesmo tempo tamén seccionaron o da fibra óptica.
Como resultado do corte do cable da fibra, os afectados quedaron de inmediato sen servizo, cos conseguintes trastornos que lles ocasionaron nas súas ocupacións e na súa vida cotiá.
Os veciños do lugar alertaron do acontecido a Policía Local, polo que acudiu unha patrulla. Tamén deron parte á empresa de telefonía, que se comprometeu a restablecer canto antes o servizo.