O aceite de oliva é o produto máis roubado nos supermercados
O prezo do aceite apunta de novo cara a arriba
A volatilidade do mercado do aceite virxe convérteno nun artigo de alto valor nos supermercados
Levabamos meses sen sobresaltos co prezo do aceite de oliva estabilizado, pero o mercado volve amosar signos de cambio e unha tendencia á alza. Na comparativa semanal, o virxe extra anotou un incremento do 2,12 %.
"Subiu moito, baixou e agora volveu subir outro chisco". "O aceite está a 4,09 o que levamos, pero estivo a 3,68", comentan os clientes dun supermercado.
Agora toca esperar a que comece a floración das oliveiras, que será dentro de 15 días. Entre os produtores hai incerteza sobre como será a colleita debido á intensa choivas deste inverno. As tensións loxísticas polo bloqueo do estreito de Ormuz tampouco axudan e hai medo a que os prezos acaden os niveis de hai dous anos, tanto que segundo o Barómetro do Furto o aceite de oliva é o produto máis roubado nos supermercados.
"Eu vin na televisión algún que mete polo forro, mete por iso, eu a verdade é que se meto algo paréceme que xa mo ven na cara".
As técnicas de roubo son do máis variopintas, o que obriga as superficies comerciais a adoptar medidas de seguridade tamén coas botellas do aceite.
"Teño visto nalgún supermercado co precinto dunha alarma para que non che leven o aceite como unha botella de licor cara ou algo parecido".
A metade dos furtos son cometidos por autores multirreincidentes mentres que un 35 % corresponden a bandas organizadas que seleccionan produtos de alta demanda e fácil revenda, como é o caso do aceite de oliva.