Galicia rexistrou numerosos atropelos mortais con fuga nos últimos anos
Un sobriño de Manuel Charlín acabou coa vida dunha muller en novembro de 2020 tras arremetela co seu coche en Vilanova de Arousa
O día de Aninovo de 2024 nunha estrada local do concello do Pino un home de 67 morreu atropelado por un mozo de 19 que o coñecía
Ocorre con demasiada frecuencia. O descoido, no que tamén pode incorrer un peón que cruza por onde non debe, é humano. Pero fuxir sen prestar axuda non debería nin pasar pola cabeza de ninguén. Foi o que fixo un sobriño de Manuel Charlín en novembro de 2020 cando acabou coa vida dunha muller tras arremetela co seu coche en Vilanova de Arousa. O mesmo día un veciño de Lalín de 49 anos deixaba tirado un ciclista de 44 tras levado por diante co seu vehículo en Agolada.
En agosto de 2021 unha muller foi embestida fatalmente por un camión que non se detivo en plena AP-9 á altura de Ordes. Ese mesmo mes, en Xinzo, a vítima foi un camioneiro de 46 anos que cruzaba a pé pola noite a Nacional 525. O responsable do atropelo, de 49, deu positivo na proba de alcoholemia.
O día de Aninovo de 2024 nunha estrada local do concello do Pino un home de 67 morreu atropelado por un mozo de 19 que o coñecía. Tamén bebera nas horas previas. Dous meses despois un home de 43 anos perdía a vida en plena Ponte Nova da cidade de Ourense. Foi atropelado ata por dous vehículos, pero só se detivo o segundo.
O día de Nadal de 2024 un veciño de Redondela de 33 anos morreu en Vigo cando transitaba por unha zona da AP-9 vetada aos peóns. O condutor que o atropelou arrastrouno durante moitos metros.
En outubro do pasado ano o falecido en Cee foi outro varón de 56 anos que cruzaba por un paso de peóns situado na vía que conduce a Corcubión, onde residía.