Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un coche bate contra unha casa no centro do Grove e deixa un burato na fachada

Un coche bate contra unha casa no centro do Grove e deixa un burato na fachada

O condutor do turismo perdeu o control tras bater contra outro vehículo

O aparatoso accidente só provocou danos materiais  

Estado en que quedou a vivenda tras o impacto. TVG
G24.gal 21/04/2026 16:20

Un accidente entre dous coches na noite do domingo no Grove deixou danos materiais na fachada dunha vivenda. 

Aínda co susto no corpo, Carmen Mirazo, residente na casa afectada, relata o que viviu contra as once e media da noite.

Está rexistrado o momento exacto en que se producía o impacto, porque na planta baixa do edificio reside a súa nai, e alí hai unha cámara de vixilancia que gravou ese preciso instante.

"Estabamos o meu fillo, e máis eu e a miña nai. O meu fillo foi para o piso primeiro, eu para o segundo e eu estaba tomando un vasiño de leite e sentín un ruído grande, máis ben foi cando derrapou o coche e de súpeto o tremor, un ruído moi grande e eu quedei en schock, que pasou", comenta Carmen.

Polo rexistro da cámara sábese que eran preto das once e media da noite cando se producía ese impacto, ao parecer ao saltar un stop un dos vehículos implicados no accidente.

"O coche viña da parte de abaixo, chocou contra outro coche que non fixo o stop e perdeu o control polas marcas que se ven no chan e foi cara a ventá", engade Carmen Mirazo.

Grazas a esas imaxes gravadas puideron ter unha testemuña exacta dese momento e dos estragos que deixou no interior da vivenda.

"Preguntoume a Garda Civil a que hora foi, pero non sabiamos a hora e fomos mirar a cámara e vese cando foi".

O golpe foi  moi violento e aparatoso, pero afortunadamente non hai que lamentar danos maiores, a pesar de tratarse dunha rúa moi céntrica e transitada. Agora Carmen e a súa familia agardan que pronto estea arranxada a vivenda para retomar a normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade