O fotógrafo galego Dani López leva anos documentando a fauna salvaxe infiltrándose na natureza
O seu último proxecto, aínda en fase de montaxe, é unha película-documental gravada integramente coa técnica da cámara de fototrampeo
O fotógrafo galego Dani López traballa no seu último proxecto, aínda en fase de montaxe: unha película-documental gravada integramente coa técnica da cámara de fototrampeo.
"Este dispositivo o que nos permite é gravar a fauna da forma menos invasible posible", explica o propio fotógrafo.
E captar imaxes como as dun oso na contorna dos Ancares.
"Esas cámaras de fototrampeo ofrécenme información como data, horas de paso de animais. E aí é onde teño esa información para ir co equipo e co equipo de camuflaxe e facer esperas. Se eu xa sei a rutina dos animais simplemente teño que chegar antes que eles", di.
Acompañámolo polo río Lambre, entre os concellos de Miño e Paderne. Cámara en man, Dani olla, observa e agarda. Mesmo se camufla. Agochado durante horas ata que chega a recompensa.
"Os animais non te distinguen principalmente pola cor e distínguente, precisamente, polo movemento. E aí é onde consegues as grandes fotografías. Sen esa camuflaxe non poderías fotografar as crías ou cousas deste estilo, que son tan importantes".
Di seguir a pegada que deixou nel Félix Rodríguez de la Fuente, documentando a fauna salvaxe co fin de divulgala.
"Para que os rapaciños máis pequenos medre neles ese respecto pola natureza". Coñecemento que achega e comparte tamén a través da súa propia canle de YouTube.