A norma do 1'50, clave na convivencia de condutores e ciclistas
Os adiantamentos sen cumprir a distancia mínima é a manobra máis perigosa para os ciclistas
Lembran a importancia de adiantar, mesmo con liña continua, para evitar retencións e malestar
Camión, turismo e eles, os ciclistas, sen apenas distancia. É a temeridade máis repetida e a que os fai máis vulnerables.
"De entrada xa te desconcentra a atención na estrada e, se un coche che pasa ao ras a unha velocidade superior a trinta quilómetros por hora, vas notar unha vibración que non tes por que sofrir", denuncia Marta Samartín, tesoureira de Pedaladas
A norma é clara.
"Gardar a distancia de metro e medio, pudendo invadir o carril contrario sempre e cando non haxa curvas nin nada que impida a visibilidade sobre os demais", lembra Carlos Raúl Sánchez, Sarxento de Tráfico do Subsector de Tráfico de Pontevedra
Unha distancia que, fartos de sufrilo, quixeron representar cun 'espantamoscas', neste caso como 'espantacoches'.
"Poñiámolo na bicicleta como para que fixera o efecto da distancia e ese matamoscas, téñeno partido pola metade e tirado ao ciclista ao chan e mesmo houbo un alumno que faleceu", explica Samartín.
Distancia de seguridade, si, pero adiantando cando se pode, porque ir chupando roda tamén os pon en perigo.
"Non adiantarnos por medo a facelo mal e moitas veces crean un atasco detrás con corenta coches cabreados detrás, e despois é peor porque empezan a adiantar uns detrás doutros e resulta igual de perigoso", salienta Roi Redondo, membro de Pedaladas
Desesperan especialmente cando van en grupo.
"Por que van á par? van de 'charleta', van molestando. Non! O que van é sendo máis visibles porque se vas co coche detrás, ao mellor hai unha ringleira de ciclistas e non os ves pero nun descenso prolongado ou cando vas circulando, podes ir en parella para que ocupes o mesmo volume que un turismo", argumenta a tesoureira de Pedaladas.
Fartos destas condutas, tiran de cámara como posible proba en caso de accidente, pero tamén para concienciar porque hai situacións que son de ver para crer.