Veciños de Rois reclaman máis seguridade viaria
Na aldea de Martelo, na estrada de Noia a Santiago, xa houbo un atropelo mortal e varios accidentes con danos nunha vivenda
A aldea de Martelo está ao pé da estrada comarcal que une Noia con Santiago. Só quedan nove habitantes. A maioría son maiores de 80 anos que viven atemorizados pola velocidade alta á que pasan os coches
"Tiñamos un sinal de 50 que o retiraron non sabemos porqué. Desde entón, cando puxeron o sinal de 70, foi un desastre. De feito, este que vai pasar, ao vernos aquí amainou un pouquiño", cóntanos José Luís, un dos veciños.
Di que cando abriu a autovía, notárono para ben. Pero seica últimamente, volve haber moito tránsito diario de coches, motos e camións. E pouco respecto.
"Tivemos un atropelo mortal, varios accidentes, o valado de aquela casa é a cuarta que levan por diante os coches, o portal do garaxe é o terceiro", detalla José Luís, un dos veciños.
Botan de menos as patrullas de tráfico que pasaban a diario cando a velocidade estaba limitada a 50.
"Queremos que o organismo competente poña algún tipo de solución a este problema grave. podemos evitar que ocorra unha desgraza que tarde ou cedo vai acontecer. Unhas lombas, un semáforo, algo que poña un pouco de orde porque é a anarquía total", pide José Luís, un dos veciños.
José Luís apela tamén á responsabilidade dos condutores.