Publicador de contidos

Publicador de contidos

Integrada nunha reserva da biosfera, Lugo conta con decenas de sendas peonís

Integrada nunha reserva da biosfera, Lugo conta con decenas de sendas peonís

Ata oito das rutas de sendeirismo xa foron rotuladas para dalas a coñecer e poñelas en valor

A última senda creada pola CHMS, na Tolda, conecta os paseos do Rato e do Miño
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 10/06/2026 21:25

Os paseos do Rato ou do Miño figuran entre os máis coñecidos de Lugo, pero a cidade conta con moitas máis sendas peonís, tanto rodeadas de natureza coma no centro histórico. Das decenas de itinerarios existentes, ata oito xa foron rotulados para poñelos en valor, como é o caso da Ruta das Ribeiras Altas, con máis de dez quilómetros de lonxitude. 

"Sei que hai moitas rutas, tanto oficiais como non oficiais, comezando xa polo Camiño Primitivo e a Vía XIX romana, que son dous camiños históricos. Hai cinco anos, o Concello de Lugo contou comigo para identificar novas rutas, e identifiquei quince que xusto agora están comezando a sinalizarse. Demostran o gran potencial de posibilidades de camiñar por Lugo, tanto polas sendas fluviais como pola contorna semirrural, a propia muralla romana ou rutas urbanas de muralismo", sinala Guido Álvarez Parga, guía oficial de Turismo de Galicia

Esta mesma primavera conectáronse no lugar da Tolda dúas das principais rutas de sendeirismo do cinto verde de Lugo, que suman 20 quilómetros. Ademais, está proxectada a prolongación da senda do Rato ata o seu nacemento, mentres que queda pendente arranxar a ruta do Mera ou continuar co paseo fluvial do Fervedoira río arriba. 

"O traballo máis pendente é acondicionar algunhas zonas que son moi interesantes, moi bonitas e que se podería camiñar por elas se se mellorase a súa accesibilidade. E, por outro lado, sinalización, información e divulgación son traballos que virían moi ben para que se potencie Lugo como o gran quilómetro cero de sendeirismo nos ámbitos galego e internacional", destaca Álvarez Parga.  

Non en van, Lugo é a única cidade de toda a Península integrada nunha reserva da biosfera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos