O loteiro da Primitiva millonaria: "A miña conciencia está tranquila"
O avogado do loteiro di que desde o principio recoñeceuse como non propietario da Primitiva millonaria
As defensas insisten na inocencia dos acusados e piden a libre absolución
Tras sete xornadas de xuízo, quedou visto para sentenza
O loteiro que dixo atopar a Primitiva premiada con 4,7 millóns de euros na Coruña asegurou, no peche do xuízo contra o seu irmán e el, que a súa conciencia "está tranquila" e que sempre actuou con "responsabilidade, rectitude e honradez".
A defensa de Manuel Reija asegura que non hai proba de cargo suficiente que rompa as fronteiras da súa presunción de inocencia. As acusacións, segundo di, cúlpano de quedar coa Primitiva millonaria e cos boletos non premiados que a acompañaban. E tamén de mentirlle ao lexítimo propietario, "un xogador habitual".
"Pódense ter despistes. Veña... despistouse co visor. Pero tamén se despistou con que o loteiro non lle devolve os boletos non premiados? Ás dúas horas di: atopeino. E desde ese momento, e estamos falando dun loteiro, renuncia á posibilidade de ser propietario lexítimo do boleto", di Jesús Ángel Sánchez Veiga, avogado do loteiro de San Agustín.
O avogado do delegado provincial de Loterías, acusado de branqueo de capitais, alegou que o premio, 4,7 millóns de euros, permaneceu inmobilizado baixo custodia institucional unha vez que o agora investigado lle fixera entrega do boleto a un directivo da Selae que se trasladou á Coruña na súa procura.
"E desde ese momento, o boleto quedo fóra de calquera ámbito de dominio de Miguel Reija", manifestou Joaquín Burkhalter.
Con todo, a fiscal teno claro. Asegura que o loteiro de San Agustín actuou de mala fe e que as terminais contradín a súa versión e demostran que non estaba só cando comprobou a Primitiva millonaria.
"Tivo un acto de avaricia tal que o levou a manter a frialdade máis malévola que o levou a seguir atendendo a vítima sen informalo do premio obtido e sen devolverlle o boleto e o resgardo tal como rezaba o propio resgardo que saíu da máquina, que el como depositario tiña a obriga de cumprir", concluíu Olga Serrano, a fiscala.
Por isto, pide para el unha pena de seis anos de cadea. Os mesmos que para seu irmán, Miguel Reija, por branqueo de cartos.