Unha axencia de viaxes crea en Sarria un bosque plantado pola clientela
Cada persoa que contrata unha peregrinación planta unha árbore para axudar a borrar a súa pegada de carbono
"O bosque dos peregrinos" é un proxecto co que unha axencia de viaxes tenta compensar, dalgún xeito, o impacto ecolóxico que teñen as peregrinacións.
Están creando unha fraga en Sarria na que cada peregrino que fai o Camiño con eles planta unha árbore autóctona.
Este domingo, un grupo formado por seis peregrinas norteamericanas pasan por Barbadelo, unha zona coñecida pola frondosidade dos seus soutos e chousas.
Veñen canda dous acompañantes da empresa que tivo a iniciativa. Segundo explica Lorenzo Merín, de The Way Tours, trátase de axudar a borrar a pegada de carbono que deixa a clientela.
Xeolocalización
Despois de plantar carballos, o grupo recibe un diploma coa xeolocalización de cada árbore, para que poidan interesarse polo seu crecemento.
Tanto Wanda coma Margarita fan o Camiño por terceira vez e teñen intención de repetir. Encantaríalles que chegase o día no que puidesen gozar de peregrinar pasando pola sombra dos carballos que plantaron.