Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mansión Perogrulla, en Fisterra, onde os peregrinos só pagan a vontade

Mansión Perogrulla, en Fisterra, onde os peregrinos só pagan a vontade

Chegan como peregrinos pero moitos quedan un tempo a vivir como hospitaleiros

Ofrecen almorzos, comida e aloxamento para os que fan o Camiño

G24.gal 24/09/2026 14:34

Cánticos, bailes e campás para recibir a quen pasa polo Camiño. Sen idade nin condición.

"Acabo de coñecelo. É un albergue solidario onde hai cousas para comer e beber e das a vontade. O almorzo é fenomenal, está brutal e danche a benvida. É xente moi chill", comenta unha peregrina.

Moitos entraron como peregrinos e volveron como voluntarios, como hospitaleiros.

"Cheguei en marzo facendo a peregrinación, coma todos os que estamos aquí e isto é un refuxio".

"Cheguei o ano pasado en bici, volvín a Madrid a traballar e vin agora a dar o meu apoio co horto, cos diferentes traballos que hai que facer por aquí e, sobre todo, co servizo ao peregrino".

"Ofrecemos servizo de albergue e dende as sete da mañá xa hai café quente, auga para infusións, almorzo e durante todo o día hai comida dispoñible para o peregrino".

No día a día, a filosofía teórica é simple, marcada pola fundadora de Mi Mansión Perogrulla, tamén coñecido como o Albergue de Buxán.

"A súa filosofía é que aprendamos a levarnos ben e cando alguén non se leva ben con outro, ou marcha ou aprende a levarse ben. É moi sinxelo".

"Por suposto que hai diferencias e que hai discusións. Entón establecemos unha liña de acción que nos permite traer esas discusións a unha reunión e dende a racionalidade e tamén dende as emocións, atopar puntos en común".

Nas asembleas discútese e acórdase todo. Agora mesmo, toca planificar o inverno. Son meses complicados.

"O mellor vai ser facer retiros aquí na casa. Xa falamos cunha profesora de ioga da Coruña e ela mesmo propuxo vir cos alumnos a facer un retiro".

"O que se fixo toda a vida: recoller leña, ter ovos, galiñas".

Ou facer pan, que xa ole. Forma parte desa supervivencia pero precisan máis. 

"Na páxina mimansionperogrulla.net hai un código QR que se pode descargar e pódese firmar para colaborar con estes espazos".

Piden a creación de máis espazos comunitarios ao longo do Camiño e un recoñecemento económico para as persoas que traballan aquí, inspirados polo espírito daqueles primeiros hospitaleiros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade